Incluirá toda a historia da olería, pero tamén as propostas máis contemporáneas con exposicións temporais de creacións actuais //A Deputación da Coruña pretende que sexa un gran escaparate da artesanía en barro de Galicia TEXTO M. Boo

Traballan na remusealización do Forno do Forte en Buño

Artesanía
M. Boo
Xosé Luis Penas entre o alcalde de Malpica, Walter Pardo, e a concelleira Leticia Naya

O deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas, anunciou que a Deputación da Coruña está a traballar no proxecto de remusealización do Forno do Forte co obxectivo de que se converta no gran museo da olería galego. A iniciativa contempla mostrar a historia da olaría, desde a tradición ás propostas máis actuais.

A Deputación da Coruña, a través da súa área de Patrimonio e Contratación, que dirixe Xosé Luís Penas, avanza na remusealización do Forno do Forte co fin de destinar as distintas estancias e toda a contorna do inmoble a un gran museo da olería, con especial atención á produción de Buño e a Costa da Morte, mais incluíndo a artesanía en barro de todo o territorio galego. A iniciativa desenvolverase en colaboración coa área de Cultura, Olería e Patrimonio do Concello de Malpica que dirixe a concelleira Leticia Naya Varela. O orzamento da actuación será de 60.000 euros e o prazo de execución cifrouse en tres meses despois da licitación.

A VIDA DOS OLEIROS. O ecomuseo está formado polas antigas casas taller, forno, cabanote (alpendre) e hórreo de varias familias oleiras. O conxunto rehabilitado recentemente ofrece ó visitante a posibilidade de retroceder no tempo e poder coñecer como era a vivenda dun oleiro, o seu oficio e a forma de vida dunha familia da década de 1950.

Xestionado polo Concello de Malpica, ofrece ó visitante unha visión única da vida tradicional, permitindo ademáis a posibilidade de vivir a experiencia de traballar nun torno para elaborar unha peza de barro coas súas propias mans. Como complemento á olería, habilitáronse varias salas de exposición dedicadas á agricultura e gandeiría, actividades complementarias dos oleiros.

Forno do Forte é un dos conxuntos etnográficos máis emblemáticos de Buño. Construíuse ó longo dos séculos XVIII-XIX. A súa orixe foi unha casa labrega de gran tamaño, e cando o propietario mudou de vivienda, dividiuna en varios apartados que alugou a oleiros e xornaleiros. Para atraer ós oleiros levantou un alpendre de grandes dimensións donde podían gardar barro, toxo e outros obxetos. Tamén fixo un forno, que era dos máis apreciados pola calidade das súas coceduras, que cesaron nos anos setenta do pasado século XX.

O proxecto que agora acomete a Deputación coruñesa contempla a actuación en todos os espazos das instalacións e, en especial, nas tres salas que até o momento se destinaban a oficios do mar e a terra que se dedicarán integramente á olería.

“A idea é que o Forno sexa o gran museo da olería non só da comarca senón de todo o país”, explica o deputado Xosé Luís Penas, que anuncia tamén que se está a traballar en que o centro amose todos os períodos creativos, desde os máis tradicionais ás propostas máis innovadoras, coa idea de que todas as persoas que continúan a traballar no sector se sintan representadas.

Desta maneira, as tres salas do ecomuseo que se van incorporar a espazos reservados á olaría dedicaranse á sala multiusos, novas creacións e exposicións temporais, que acollerán de maneira especial a creadores de Buño e de toda a Costa da Morte e tamén de outras zonas de produción oleira. Neste sentido, estanse a explorar convenios de colaboración con distintas salas e tamén museos do país.

O proceso de renovación do Forno do Forte incluirá a modernización da cartelería e a incorporación de nova sinaléptica e música ambiental. Ademais, na segunda metade do ano procederase a adecuación do espazo da antiga cafetería nunha sala auditorio con capacidade para medio cento de persoas.