Infraestruturas Xunta e Concello asinaron un convenio que contempla cinco actuacións // Comezarán realizando un bypass no río Anllóns, na zona de Muíño do Quinto // Inclúe ademais a demolición dun edificio na rúa Sol TEXTO José M. Ramos

Tres millóns para tentar evitar máis inundacións en Carballo

Infraestruturas
Jose Manuel Ramos
Actuacións previstas no plan de xestión específico do risco de inundacións do río Anllóns. Foto: C. Infraestruturas

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, confirmou que neste semestre licitarán a primeira das cinco actuacións prioritarias para reducir o risco de asolagamentos no río Anllóns, en Carballo, que suporán un investimento autonómico global de tres millóns de euros. Vázquez Mourelle mantivo este venres unha reunión por videoconferencia co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, para abordar estas actuacións enmarcadas no convenio de colaboración asinado entre ambas as dúas administracións.

Trátase do primeiro convenio de colaboración asinado entre a Xunta e un concello, no marco do Plan de xestión específico do risco de inundacións. O acordo establece que o Concello de Carballo debe pór á disposición os terreos e o Goberno galego, ademais da identificación das actuacións necesarias, elabora os anteproxectos construtivos e acomete a execución das obras.

A conselleira indicou que, unha vez asinado este convenio, procederase a contratar xa a redacción dos diferentes proxectos construtivos e das obras, que deben estar completamente rematadas en 2023. Neste sentido, precisou que o primeiro proxecto a licitar é o relativo á realización dun bypass no río Anllóns, na zona de Muíño do Quinto. Xa están ultimando a redacción.

Nos vindeiros día tamén comezará a redacción doutro proxecto para acometer a mellora hidráulica do río ao seu paso polo enlance entre a AG-55 e a AC-552, na rúa de A Cepeira, en Sísamo, prevendo que a finais de febreiro xa estea para a supervisión técnica.

O plan complétase con outras tres actuacións, que son a demolición dunha edificación, a remodelación da ponte e a creación dunha canle de augas altas na rúa Sol; a mellora do parque de San Martiño, coa construción de motas de protección fronte ás avenidas; e a reparación da ponte da rúa Fomento, con motas de contención augas abaixo da ponte.

As obras previstas no convenio serán cofinanciadas con fondos europeas do programa Feder 14-20.

As referidas medidas enmárcanse no Plan de xestión específico do risco de inundacións para o río Anllóns en Carballo, que recolle unha serie de actuacións, paliativas e preventivas, de aplicación por Augas de Galicia e o Concello carballés.

Estas medidas, segundo a Consellería, apostan pola naturalización do leito do río e polas infraestruturas verdes, fronte a solucións máis duras baseadas na construción de infraestruturas que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural.

As accións de prevención van encamiñadas ao mantemento do leito, a unha axeitada ordenación urbanística ou, por exemplo, a instalar un novo punto de predicción do sistema de alerta temperá na conca do río Anllóns e dunha estación de aforo para medir os caudais.

As medidas de recuperación e revisión tras as inundacións diríxense a longo prazo. Neste caso, o desenvolvemento do Plan de Actuación Municipal fronte a inundacións “resulta fundamental, cos protocolos que teña definido para a recuperación tras unha enchente”, sinalan. Tamén resulta necesario informar e promover entre os particulares a contratación de seguros fronte a inundacións no ámbito do Anllóns.