A Aula da Terceira Idade de Padrón expón en Valga

Exposición
ARCA
Bello junto ao alcalde de Padrón no acto de inauguración Foto/C. V.

Valga. O alcalde, José María Bello Maneiro, e o seu homólogo de Padrón, Antonio Fernández Angueira, inauguraron a primeiros de ano no auditorio a mostra pictórica que ocupará durante este mes de xaneiro a sala de exposicións do recinto municipal. Bello deu a benvida aos artistas padroneses.

As obras, unha quincena, teñen como autores aos participantes das actividades das Aulas da terceira idade de Padrón (Ategal) ás que asisten unhas 250 persoas. Delas, arredor de 20 son alumnos das clases de pintura que imparte Ángeles Garrido.

Os cadros, que poden verse no auditorio, son maioritariamente costumistas e están feitos con técnicas mixtas: pinturas acrílicas (principalmente óleo) e algunha tamén con pasta de relevo para crear volumes. “As temáticas son elixidas polos alumnos segundo o que lle inspire a cada un. É xente que ten moito mérito porque a maioría nunca pintara ata agora”, explica a mestra. Mª Cruz Taboada, a directora de Ategal Padrón, engade que “hai verdadeiros artistas entre eles e, ademais, algúns volveron a renacer grazas á pintura, que lles serviu como terapia”. arca