A Feira do Moble de Galicia na Estrada ten xa case cheos os pavillóns a un mes do seu inicio

Feiras tradicionais
Claudina Estévez
A Feira do Moble de Galicia ateigada de xente no ano 2019. Foto: F.M.G.

A Estrada. Falta case un mes para a inauguración da 34 edición da Feira do Moble de Galicia, que terá lugar entre os días 15 e 18 de setembro, pero a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada conta xa cun noventa por cento do seu espazo expositivo ocupado. O evento, que tivo que pospoñer as súas citas habituais dos anos 2020 e 2021 por mor da pandemia do covid, retomará a celebración con practicamente os seus catro pavillóns reservados.

Nesta nova edición, os visitantes atoparán un certame orientado ao equipamento completo do fogar. Deste xeito, xunto ao mobiliario de distintas tendencias, o público poderá percorrer unha superficie de 11.000 metros cadrados de exposición na que estarán presentes sectores afíns, como son a decoración, os complementos domésticos, a instalación de piscinas, os electrodomésticos, os automatismos ou as enerxías renovables, entre outros.

Durante as súas catro xornadas de duración, a Feira do Moble de Galicia abrirá as súas portas dende as 11.00 ata as 20.00 horas. Ademais da exposición, os visitantes tamén poderán desfrutar de distintas actividades complementarias. c. e.