A frota de drakkars vikingos xa está lista para a súa incursión en Catoira

Este ano o tradicional desembarco substitúese polo ascenso fluvial o vindeiro día 1 de agosto
Romaría
María Rendueles
A frota vikinga preparada para a incursión. Foto: C. C.

Catoira. O Concello de Catoira emitiu un comunicado no que informa que a frota de drakkars vikingos está lista para levantar a áncora o domingo 1 de agosto e participar na incursión fluvial que substitúe ao tradicional desembarco. O Torres de Oeste, o Frederikssund e o Ardglass-Catoira ascenderán polo río Ulla, xunto a outras tres embarcacións de asociacións da Ría de Arousa, ata a Illa de Castrivello, para logo retornar río abaixo sen desembarcar na fortaleza.

Os responsables municipais explican que O Torres de Oeste, que foi construído en 1993 polo módulo de carpintería da Escola Taller Catoira, foi sometido a unha profunda reparación, xa que tras case 3 décadas de vida tiña a madeira do casco moi deteriorada.

Pola súa banda, o Frederikssund, construído no ano 2008, é unha adaptación do Gokstad, un barco viquingo atopado en Noruega, e que combina tamén deseños decorativos inspirados na fermosa nave Oseberg.

Xunto a estas dúas naves, nesta Romaría Vikinga navegará por primeira vez o drakkar Ardglass-Catoira. Esta embarcación leva o nome da localidade de Irlanda do Norte onde foi construída en 2019. A asociación Ardglass Vikings, coa que o Concello de Catoira mantén contactos desde 2005, cedeu de forma desinteresada o molde co que se construíu o casco de poliéster. Este mesmo molde foi utilizado para a creación de numerosas réplicas de drakkars utilizados na famosa serie denominada Vikings. A frota complétase coas embarcións Adelino Manuel e Komaira, da Illa de Arousa, e o Illa de Cortegada, de Carril.

Sinalar que este ano os actos da Romaría Vikinga de Catoira inícianse este domingo, 25 de xullo, cun concerto de Roi Casal, a partir das 21.30 horas, no recinto das Torres de Oeste. Nese mismo escenario, a escola de teatro de Catoira, representará a obra El-Rei Snie os días 27, 28 e 29 deste mes a partir das 22.00 horas. m. rendueles