A vila estradense convertirase o sábado na capital dos froitos vermellos

Ferias
María Rendueles
Os participantes na presentación da feira. Foto: Sangiao

A Estrada. A Estrada convertirase este sábado, 11 de setembro, na capital dos berries galegos coa celebración da I Feira dos Froitos Vermellos. O evento celebrarase pola mañá no Novo Mercado e foi presentado este martes no Concello, organizador da feira, por Anxos Pais, concelleira da Área de Desenvolvemento Rural; Óscar Durán, concelleiro da Área de Promoción Económica, Comercio e Emprego; Ramiro Touceda, presidente de Berries Galicia, e José María Mira, membro da asociación.

Na feira estradense participarán seis empresas produtoras de froitos vermellos e tres empresas que se dedican á elaboración de produtos con estos ingredientes, ademais doutros axentes e representantes deste sector.

En concreto, estarán Río Ulla SAT, da Estrada (fresa e arándanos); Frutos Finca Tilleira, de Salvaterra do Miño (arándanos e produtos elaborados); Biofruitgalicia, da Estrada (arándanos e produtos elaborados); Os Arandiños, de Vilalba (arándanos e productos elaborados), e Adrián Crespo, de Carral (fresas).

Outros colaboradores con posto serán a pastelería Mimela (A Estrada), especialista en repostería artesanal que levará dous trampantollos de fresa e arándanos; Maruxío (A Estrada), obrador de galletas ecolóxicas, presentará dous produtos novos: pastas con licor café e arándanos, e tarta de hoxaldre con mazá da Estrada e arándanos, e A Casa do Pan (A Estrada), con dous tipos de tarta de queixo con arándanos. m. rendueles