Alumnado do obradoiro de emprego acondiciona a Mina Mercedes de Valga

Obradoiro de emprego
S. E.
O alumnado traballando na nova varanda. Foto: C. V.

VALGA. O Obradoiro de Emprego Ulla-Umia V, que o Concello de Valga desenvolve conxuntamente con Moraña, comezou a execución das obras de utilidade pública recollidas no proxecto. A totalidade dos alumnos realizan dende hai días tarefas de acondicionamento na Mina Mercedes, con traballos propios das dúas especialidades das que consta o obradoiro: forestais e carpintería. Os aprendices de forestais levaron a cabo actuacións de desbroce e limpeza en toda a área lúdica e agora céntranse nas podas das árbores, algunhas delas situadas en taludes de importante pendente. O obxectivo destas podas é dotar de maior atractivo o espazo, permitindo unha maior visiblidade da lagoa dende diferentes puntos, especialmente dende aquelas zonas habilitadas como miradoiros. O alumnado de carpintería acomete a instalación dunha nova varanda perimetral de madeira. Actualmente están a colocar os postes sobre os que se asentará a estrutura, que constará de pasamáns, un listón de madeira que conectará os postes entre si e travesas. Os aprendices encargaranse da colocación das pezas pero tamén da súa preparación e barnizado. A varanda vella será retirada. No Ulla-Umia V participan un total de vinte persoas desempregadas. s. e.