Aproban a supresión de dous pasos a nivel en Valga

Pleno Concello
ARCA
Membros da Corporación valguesa no pleno

Valga. A Corporación de Valga aprobou no pleno ordinario o proxecto para a supresión de dous pasos a nivel na parroquia de Cordeiro, a través dun convenio co ADIF que suporá un investimento de 3,7 millóns de euros. Estes pasos a nivel corresponden aos cruces cos camiños de Carracido e de Castiñeiras-Carballa, situados nos puntos quilométricos 64/110 e 65/212 da liña ferroviaria, e a súa supresión levarase a cabo mediante a continuación dos camiños de enlace paralelos á vía e a construción dun paso superior, incrementando as condicións de seguridade.

Outro dos asuntos tratados foron as actuacións que Augas de Galicia e o Concello executarán para reducir o risco de inundacións no municipio. Un dos proxectos é a mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril (344.593,83). O pleno estimou necesaria a realización das obras, declarándoas de utilidade pública a efectos de expropiacións. Tamen se aprobou a relación de bens, a efectos de expropiación, para dar acceso á futura EDAR da Medela, abrindo un período de información pública dun total de 15 días. arca