Caldas demanda ante a delegada da Xunta un plan integral para o Umia

Inversiones
S. E.
A delegada, esquerda, falando co alcalde de Caldas. Foto: C.

CALDAS. O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, acompañado dos concelleiros Manuel González e Jacobo Pérez, recibiu onte no Concello á nova delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro. No encontro, o rexedor trasladoulle as múltiples demandas da veciñanza, formulou propostas e lembrou diferentes proxectos que a Xunta de Galicia ten pendentes coa Vila Termal. Unha das solicitudes principais tivo que ver coa necesidade de acometer actuacións que repercutan nunha mellora integral do estado do río Umia. Nesta liña, propúxose a posta en marcha de proxectos e investigacións para o tratamento da cianobacteria no encoro da Baxe e pediuse que a Xunta colabore nos custes extraordinarios que o Concello asume na potabilización da auga na ETAP. A proposta pasa pola posta en marcha dun plan destinado á mellora integral do Umia que contemple accións paralelas, como a eliminación de plantas invasoras. Para avanzar neste proxecto, Rey propuxo unha reunión con responsables de Augas de Galicia na que poder buscar solucións a este problema. O Concello tamén puxo sobre a mesa a necesidade de contar con apoio autonómico para estender a rede de saneamento a todo o termo municipal. s. e.