Caldas reparte 12.000 bolsas publicitarias en apoio o comercio local

O Concello pon en marcha a campaña para mercar na vila nestas festas de Nadal
Comercio local
S. E.
Alcalde, concelleiros e comerciantes coa bolsa. Foto: C. C.

Caldas de Reis. O Concello de Caldas impulsa a campaña Eu merco en Caldas para promover o comercio local coa impresión de 12.000 bolsas de papel reciclado coa imaxe da campaña, que están a ser distribuídas entre todos os establecementos da vila a través de Caldas CCA. Onte mesmo o alcalde, Juan Manuel Rey, e os concelleiros de Medio Ambiente e Comercio, Manuel González e Jacobo Pérez, achegáronse á praza da Alhóndiga para entregar algunhas destas bolsas entre os comercios da zona.

A vila amosa para estas festas unha imaxe moi atractiva para pasear en familia coa iluminación a decoración especiais de moitas rúas, prazas, recunchos e espazos públicos, nas que conflúen as iniciativas e o esforzo da veciñanza e do propio Concello, ademais dos establecementos comerciais e hosteleiros que teñen os seus escaparates e fachadas cheos de luces e diferentes motivos de Nadal. Tanto a campaña Eu merco en Caldas como a decoración de Nadal apostan pola sostibilidade, a reutilización e reciclaxe de materiais e a utilización de produtos naturais.

O alcalde destaca que “Caldas está máis atractiva que nunca e convido a visitar en familia a nosa vila e mercar nun ambiente moi acolledor e cheo de sorpresas”. s. e.