Comproban as melloras levadas a cabo nas escolas rurais de Valga

Colexios
ARCA
O alcalde falando cunha profesora do CRA Foto: C. V.

valga. O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, fixeron un percorrido polas seis escolas que forman parte do Centro Rural Agrupado (CRA) de Valga para comprobar algunhas das melloras levadas a cabo nos últimos meses. Pintado de portas, reacondicionamento e pintado de aulas, mellora e incorporación de mobiliario ou arranxo de patios foron algunhas das actuacións executadas, gran parte realizadas polo propio profesorado coa colaboración das familias e financiadas, nalgúns casos, a través de programas da Consellería de Educación e, noutros, con materiais aportados polo Concello a través de iniciativas como Embelecer Valga. “É gratificante ver o resultado destas actuacións e comprobar a implicación do persoal docente e das familias do alumnado para que as escolas rurais de Valga estean ao mellor nivel tanto educativo coma en infraestruturas”. Proba deste nivel é o aumento da matrícula que están experimentando as escolas de Campaña, Forno, Ferreirós, Vilarello, Xanza e Chenlo nos últimos anos. Recén pechado o período de admisión de alumnado, o CRA de Valga contará o vindeiro curso con 32 alumnos novos, que sumados aos que continúan de anos anteriores farán un total de 76. arca