Cuntis aprobou un orzamento de catro millóns para o presente ano

O 28% vai para acción social e destinan 30.000 € a sectores afectados pola crise
Orzamentos 2021
S. E.
Momento da votación do orzamento. Foto: C. C.

Cuntis. A Corporación de Cuntis aprobou na última sesión plenaria o orzamento para 2021 que ascende a 4.025.000 euros e sobe un 21,9% con respecto ao de 2019. As contas tiveron luz verde cos votos favorables dos 7 concelleiros do PSdeG-PSOE e a abstención dos grupos de Veciñanza e Partido Popular. O alcalde, Manuel Campos, manifestou a súa satisfacción e a do grupo de goberno pola aprobación duns orzamentos “que cobren as principais necesidades de funcionamento do noso Concello e teñen un marcado carácter social para facer fronte ás nefastas consecuencias da pandemia”. Campos lembrou que “como vén sendo habitual, mantivemos unha postura dialogante cos grupos da oposición e aprobamos parcialmente algunha das súas enmendas”.

As partidas destinadas a acción social teñen unha relevancia especial no documento económico, destinándose a estes fins 586.400 euros. Non se esquecen tampouco programas básicos e fundamentais para a cidadanía como o servizo de conciliación Cuntilín, ao que se destinan 79.000. Por outra banda o orzamento recolle 90.000 euros para atención temperá e axudas á natalidade. Ao mesmo tempo mantense unha liña directa de achegas a asociacións para contribuír á dinamización da cultura e o deporte.

Por outro lado, este ano contémplase unha partida orzamentaria extraordinaria de 30.000 euros destinada a paliar os efectos da pandemia nos sectores máis afectados. Tamén inclúese unha partida para dinamización do comercio en conxunto coa asociación de comerciantes que ascende a 12.000 € e consérvanse as cantidades para promoción turística.

A conta xeral de 2021 tamén establece fondos para realizar expropiacións de cara a ampliación e mellora do polígono de A Ran, así como outras dirixidas á rehabilitación e conservación de patrimonio, A partida de inversións roza os 500.000 €. s. e.