Cuntis prevé aprobar un orzamento que supera os catro millóns

Trala reunión do goberno, esta semana presentarán as contas ao resto de grupos
Orzamentos 2022
S. E.
Casa do Concello de Cuntis

Cuntis. O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, reuniuse co seu grupo de goberno para terminar de concretar as liñas básicas do orzamento municipal para o ano 2022. Segundo avanzou o rexedor as contas ascenderán a máis de 4 millóns de euros, ao igual que no pasado exercicio, co obxectivo de “recoller as principais necesidades orzamentarias do noso Concello, dándolle prioridade a partidas sociais para facer fronte á nefastas consecuencia causadas pola pandemia”.

Campos adiantou ademais que “se conservarán as axudas aos distintos colectivos sociais e culturais para que poidan manter as súas actividades con normalidade. Ao mesmo tempo, manterase o esforzo en servizos fundamentais a nivel social como son o Cuntilín ou Atención Temperá e tamén as axudas á natalidade”.

Entre as maiores axudas contémplase unha liña específica de 30.000 euros destinadas ao comercio, ao colectivo de taxistas e a outras actividades que se viron especialmente afectadas pola covid. Pola súa banda, o concepto destinado a investimentos superará os 600.000 euros ao ter que facer fronte a proxectos de infraestruturas con achegas doutras administracións que deben completar con fondos propios.

A intención do goberno local é poder trasladar ao resto de grupos municipais o texto dos orzamentos de 2022 ao longo desta semana para o seu estudo e posterior trato en comisión e no pleno da Corporación deste mesmo mes de xaneiro. s. e.