Cuntis ultima xa os traballos de mellora das rúas céntricas

Obras
ARCA
As autoridades na visita ao barrio de Espadenal. Foto: D.P.P.

Cuntis. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou este luns e acompañada do alcalde de Cuntis, Manuel Campos, as avanzadas obras de reordenación das rúas Olimpio Arca e Xohán Xesús González, coñecidas como o barrio do Espadenal, financiadas ao abeiro do plan ReacPon. A actuación obtivo preto de medio millón de euros de financiamento provincial (496.933,38 €) e permite arranxar a falta de adecuación destas rúas céntricas e moi concorridas (na súa contorna sitúanse o centro de saúde e o auditorio municipal) ás necesidades actuais para adaptalas aos servizos do século XXI tras vinte anos sen actuarse nelas.

Silva salientou que “esta obra non trata só de recuperación de espazo público, que tamén, senón que ademais permite afrontar as necesidades de saneamento e abastecemento deste barrio”. Lembrou que “Cuntis amosa o seu compromiso co cambio climático, cunha iluminación que aforra enerxía, e dota este espazo –dos máis densamente poboados da vila– de servizos e dereitos”. Neste senso, destacou o parque infantil “nun barrio onde viven moitos nenos e nenas” e puxo o foco en que “toda a xente debe poder ter servizos e dereitos viva onde viva”. arca