Educación aproveita o verán para completar a reforma do CEIP Baño

Obras
ARCA
Un operario traballando no colexio Baño-Xanza de Valga

VALGA. Aproveitando o período de vacacións estivais, as instalacións do CEIP Baño-Xanza son obxecto de novas obras de mellora, para completar a reforma integral que se executou o pasado ano e na que se investiron máis de 800.000 euros. Nos últimos días, a Consellería de Educación deu inicio a unha serie de traballos para resolver certas carencias no recinto educativo, construído en 1973, e mellorar a seguridade dos usuarios, fundamentalmente os nenos que estudan no centro. A principal actuación é a creación dun novo espazo cuberto de circulación aproveitando un patio interior que estaba inutilizado. Outra das actuacións que se levan a cabo é a ampliación da porta principal do colexio, que ten tan só oitenta centímetros libres de entrada, moi escaso para un edificio polo que circulan máis de 400 usuarios diariamente. arca