En marcha as obras para reurbanizar a rúa Baixa, en Valga

O proxecto, de máis de 175.000 euros, recolle melloras na pavimentación, luz e saneamento
Obras
Claudina Estévez
Un momento das obras de reurbanización que se están levando a cabo na rúa Baixa, no concello de Valga. Foto: C. Valga

O Concello de Valga informa que a empresa construtora Narom S.L. deu comezo nos últimos días ás obras de reurbanización da rúa Baixa e do entorno do Centro de Interpretación da Caña do País. Trátase dunha actuación deseñada polo goberno local e para a que se xestionou unha aportación de 175.000 euros por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, segundo lembran fontes municipais.

O proxecto recolle labores como a pavimentación, a mellora dos servizos de saneamento, a recollida de augas e a iluminación e o acondicionamento do lavadoiro existente na zona. A rúa Baixa, que arranca na estrada N-550 e chega ata a ribeira do río Valga, ten un carácter singular, xa que comeza como unha rúa urbana e, no seu devir, transfórmase en sendeiro.

A paisaxe vai cambiando ao seu carón, de construída a entorno natural. “Hai que destacar que se trata dunha rúa que acolle varios fitos dentro do seu percorrido, comezando pola casa consistorial e seguindo polo Museo da Historia, o Centro de Interpretación da Caña do País e un lavadoiro tradicional ata desembocar no parque Irmáns Dios Mosquera”, apuntan fontes municipais.

As obras que se levarán a cabo no marco deste proxecto inclúen a pavimentación da rúa combinando formigón e granito do país en pezas de grande formato. A pedra colocarase nas zonas máis nobres para poñer en valor os puntos salientables do percorrido, como nas entradas dos edificios e nos accesos ao Museo da Historia e á Praza do Concello. Tamén se levarán a cabo melloras no saneamento e na recollida de pluviais.

Para mellorar o acceso ao Centro de Interpretación da Caña, tal e como indica o Concello, habilitarase un camiño formado por pezas de formigón con formatos variables.

No exterior do edificio crearase unha zona axardinada e incorporarase mobiliario urbano. A intervención para a posta en valor do lavadoiro consistirá no pavimentado do entorno con lousas de granito e a colocación de bancos e luminarias, para a valorización tanto da pía coma do espazo adxacente á mesma.

ENTABOADO VERTICAL. A edificación existente sobre o lavadoiro revestirase con entaboado vertical de madeira, buscando deste xeito a súa mellor integración na paisaxe. A carón deste elemento patrimonial proxéctase un pequeno aparcadoiro executado con terra estabilizada.

Ademais, melloraranse os accesos dende a estrada N-550 coa construción de dúas escaleiras aproveitando o talude existente actualmente.

As mencionadas actuacións neste entorno afectarán tamén á iluminación, coa dotación de equipos de alta eficiencia enerxética mediante o uso de lámpadas Led, que permitirán reducir os custos de mantemento enerxético.