Falece o copiloto despois de saírse de vía en Caldas

Trátase dun mozo de 21 anos de Portas, e o condutor segue grave
Accidente de tráfico
O.D. Vilar
Estado no que quedou o turismo tras saíse de vía en Caldas de Reis. Foto: TVG

Caldas. Este sábado faleceu Rodrigo Rodríguez Ruel, un mozo de 21 anos natural de Portas, cando viaxaba nun turismo como copiloto despois de saírse da vía o automóbil no que circulaba durante a madrugada deste sábado en Caldas de Reis. Ademais, o condutor resultou ferido, Brais T., de consideración e foi trasladado ao centro hospitalario de Montecelo.

Segundo indicaron ao 112 Galicia, os dous ocupantes do coche foron excarcerados polos Bombeiros do Salnés, ao quedar atrapados despois de derrapar e esnafrarse contra o portal da factoría láctea Clesa, barallándose exceso de velocidade en estrada mollada.

O sinistro produciuse no punto quilométrico 228 da N-640, estrada que une Caldas e Vilagarcía, preto das 02.00.

Traballadores do cercano polígono alertaron ao 112 Galicia dos feitos. Acudiron 061, Policía Local, Bombeiros do Salnés, Tráfico, mantemento de estradas e Protección Civil de Caldas de Reis. o. d. vilar