Invitan aos valgueses a facer propostas para embelecer o concello

Convocan o concurso sobre iniciativas para rehabilitar os espazos
e as zonas comúns
Concurso
María Rendueles
Vista do río Valga que atraviesa a localidade

Valga. O Concello vén de convocar un ano máis o concurso Embelecer Valga, que pretende implicar á veciñanza no coidado e rehabilitación de espazos e zonas comúns do municipio para o seu posterior desfrute por parte de toda a poboación, segundo informan fontes municipais.

O certame premia ao lugar máis fermoso acondicionado polos veciños, que deberán agruparse para levar a cabo accións consistentes na limpeza, mellora, dotación de equipamentos ou ornamentación. Deste xeito, según explican os promotores, búscase poñer en valor os espazos cos que conta o concello, fomentar o traballo comunitario e a integración social e promover o respecto polos lugares e mobiliario públicos.

Segundo consta nas bases do certamen, poden participar comisións de carácter veciñal, asociativo ou de calquera outro tipo, que deben entregar no Concello unha solicitude encabezada por un representante e asinada por un mínimo de tres membros.

Ademais, teñen que entregar unha pequena memoria descritiva das accións de mellora a desenvolver e os materiais que se estimen precisos, incluíndo fotografías que reflexen o estado actual do lugar no que se levarán a cabo as actuacións. O Concello será o encargado da dotación do material preciso.

O prazo para presentar as solicitudes finaliza o día 30 de xuño e as obras terán que estar rematadas na penúltima fin de semana de agosto, cando o xurado visitará os lugares para a súa avaliación.

O tribunal que avaliará as propostas estará composto polos concelleiros de Medio Ambiente, Cultura, Turismo e Patrimonio e un representante de cada comisión participante. Especifican que se valorarán aspectos como a adecuación final á memoria presentada, a orixinalidade e a creatividade nos deseños e elementos decorativos, o aproveitamento dos recursos e materiais da zona, a conservación e deseño de espazos verdes como xardíns e áreas recreativas, a recuperación de elementos existentes no lugar e o fomento da cultura e da tradición locais.

PREMIOS. O proxecto mellor valorado será premiado con 300 euros, o segundo recibirá 200 euros e o terceiro, 100. Os tres primeiros clasificados recibirán tamén un trofeo e o resto de participantes serán gratificados con 100 euros e un diploma conmemorativo.

Ademais, outorgarase un premio especial consistente en 150 euros á comisión que mellor manteña e conserve o estado do lugar durante todo o ano. Este premio entregarse na edición seguinte.

Finalmente, cane indicar que os gañadores daranse a coñecer durante a celebración da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, que se celebrará a finais do mes de agosto. maría rendueles