Medio millón para a segunda fase de mellora da PO-190 en Valga

Estradas
María Rendueles
Alcalde e delegado da Xunta preto da estrada

Valga. O Consello da Xunta autorizou onte a sinatura dun convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Valga para investir un total de 531.498 euros na segunda fase de mellora da pavimentación e dotación de servizos na estrada PO-190, en Ferreirós (Cordeiro). Remátanse así as actuacións iniciadas en 2020 para solucionar as problemáticas que afectaban a este vial, tales como beirarrúas estreitas, pavimento deteriorado ou o mal estado da rede de augas pluviais e das tubaxes de abastecemento, entre outras.

Este novo investimento completará as melloras entre os puntos quilométricos 0,470 e 1,290. As actuacións que se levarán a cabo nestes 800 metros inclúen: arranxo e demolición de beirarrúas para a súa reconstrución, suprimindo barreiras arquitectónicas para favorecer a accesibilidade e facer máis seguro o tránsito de peóns; renovación das redes de augas pluviais, abastecemento e alumeado; soterramento da rede eléctrica e tramos da rede telefónica; renovación na súa totalidade do pavimento da estrada e nova sinalización horizontal e vertical. A Xunta financiará integramente o proxecto. maría rendueles