Novos contedores para cartón e envases lixeiros no municipio de Valga

Reciclaje
ARCA
Contedores para o depósito de cartón e papel. Foto: C. V.

valga. O Concello de Valga reforzará proximamente o servizo de recollida selectiva do lixo co subministro de distintas tipoloxías de contedores, en concreto amarelos, verdes e azuis. A adquisición dos colectores destinados ao depósito de envases lixeiros (amarelos) e papel-cartón (azuis) foi subvencionada pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia a través do Plan Galicia Recicla, no marco dun convenio de colaboración con Ecoembes, segundo a información facilitada polo Concello. Segundo explican, a entidade local complementou esta aportación coa adquisición, con financiación propia, dun novo lote de colectores verdes para o depósito de residuos da fracción resto, e dicir, aqueles para os que non está implantada a recollida selectiva. Estes novos contedores permitirán ao Concello pontevedrés renovar parte da súa infraestrutura de recollida de residuos urbanos. Segundo explican os responsables municipais, destinaranse, en boa parte, á reposición de vellos colectores que na actualidade están danados e deteriorados. Ademáis, no caso dos amarelos e os azuis tamén está previsto que reforcen o servizo establecendo novos puntos de recollida selectiva en zonas nas que existe demanda, segundo sinalan as fontes. arca