O concerto de Roi Casal abre os actos da Romaría Vikinga de Catoira

Romaría
S. E.
O músico Roi Casal abrirá os actos da Romaría. Foto: ECG

CATOIRA. A Romaría Vikinga volta a ser diferente ás edicións previas á pandemia. Respectando todas as medidas e seguindo os protocolos, o alcalde, Alberto García, deseñou unha programación que aposta polo talento local. Os actos comezan o domingo 25 de xullo cun concerto de Roi Casal, a partir das 21.30 horas no recinto das Torres de Oeste. A Escola Municipal Úrsula Teatro representará a obra El-Rei Snie nese recinto os días 27, 28 e 29 de xullo a partir das 22.00 horas. O venres 30 a Alameda do Peirao acolle o Valhalla Music Fest, un festival de música organizado por LuxcoFuxco Eventos, cun cartel que inclúe a Danny Romero, Lennis Rodríguez ou Dasoul. A venda de entradas para este evento será a través da plataforma woutick.es. O grupo referente da música tradicional galega, Milladoiro, ofrecerá un concerto o sábado 31 a partir das 22.00 horas, nun escenario situado diante da Casa do Concello. Na mañá do domingo 1, día grande da Romaría, pola mañá haberá un pasarrúas de Troula. Non haberá desembarco ao pé das Torres, pero si incursión dunha frota viquinga que se adentrará nas augas do río Ulla ata a Illa de Castrivello as 12.30 horas. O aforo para as actividades organizadas limítase a 300 persoas. s. e.