Participan dez locais no concurso Tapa a Anguía

Concurso
C.G.
Cartel que anuncia a ruta-concurso. Foto: C. Valga

VALGA. A ruta-concurso Tapa a Anguía, que o Concello de Valga convoca anualmente dentro da programación da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, xa ten establecementos participantes. Serán dez: Pastelería Caprichos, Bar Maneiro, Bar Potel, Café-Bar Couceiro, Cafetería Auditorio, Bar Pardal, Praia Fluvial de Valga, Bar Alba, Casa Comparada e O Pontellón Café-Bar.

Esta será a novena edición desta iniciativa, coa que se quere promocionar un dos produtos estrela da festa, a anguía, e incentivar o consumo nos locais de hostalería do municipio. O Concello será o encargado de facerlles chegar a anguía xa limpa para que poidan preparar as tapas. A ruta vaise prolongar durante as dúas últimas fins de semana deste mes. O apartado de concurso celebrarase os días 20 e 21, mentres que na seguinte fin de semana tan só haberá degustacións. Os petiscos serviranse gratis ao consumir, e será o público quen decida cales son as mellores. c.g.