Os aloitadores conseguiron cortarlle as crins e desparasitar a 62 animais no último curro deste ano // A loita de dúas horas deixou sete contusionados TEXTO Manuel Boo

Sabucedo xa fai retornar as bestas ó monte despois da rapa

Manuel Boo
Os cabalos chegan ó galope ó escenario da rapa das bestas da parroquia estradense de Sabucedo

Os cabalos e bestas de Sabucedo retornarán este luns ao seu hábitat habitual nos montes da contorna despois de protagonizar nas vésperas unha rapa na que os aloitadores conseguiron contarlle as crins e desparasitar a un total de 62 bestas, convertindo este curro nun dos máis dinâmicos dos últimos anos.

Previamente, os 72 aloitadores realizaran os preceptivos test de antíxenos –cun 100% de resultados negativos– para poder baixar á area do curro sen máscaras.

Durante preto de dúas horas, a ancestral loita entre o home e os cabalos saldouse neste domingo con dez incidentes: sete aloitadores contusionados, un con dous puntos no beizo debido a unha cabezada dun cabalo e outro cunha fractura no pé debido á pisada dun cabalo. Tamén tivo que ser trasladado en ambulancia ao Hospital Clínico de Santiago o camareiro dun posto de polbo ao sufrir unha indisposición.

Tendo en conta que nesta primeira Rapa post-Covid19 a Asociación Rapa das Bestas decidiu suspender o curro solidario do luns, a celebración deste ano rematará hoxe mesmo pola tarde coa devolución das bestas e cabalos ao seu hábitat natural no monte da contorna.

Desta volta, parte do protagonismo desta festa da parroquia estradense declarada de Interese Turístico Internacional acaparouno tamén o equipo do director de cine Rodrigo Sorogoyen, que aproveitou para gravar no curro imaxes para súa nova película, titulada As Bestas.