Sheila Patricia: antesala á festa da Rapa das Bestas

Concerto
Claudina Estévez
A cantautora Sheila Patricia. Foto: Aitor Ramos

A ESTRADA. A cantautora Sheila Patricia protagonizará na noite deste xoves 26 a gala musical que servirá de antesala á festa da Rapa das Bestas de Sabucedo, cun concerto no Curro Vello da parroquia estradense promovido pola Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello. Será ás 21.30 horas e a entrada é libre ata completar a capacidade deste singular espazo. A artista porá en escena Simbiose, o seu novo espectáculo, nesta ocasión en formato trío. Trátase dunha revisión de ritmos populares galegos e doutros lugares do mundo fusionados con electrónica, onde o ritmo e o movemento toman todo o protagonismo. O concerto encárgase de dar a benvida as festas, que volven tralo parón pola pandemia no 2020 e que cambiaron a súa data de celebración de xullo a agosto (do día 27 ao 29). A programación cultural dependente da Deputación no festexo complétase coa actuación das Pandereteiras do Val de Quireza, o domingo. C.E.