Toallitas e produtos non biodegradables atrancan a rede de auga en Valga

Saneamento
ARCA
Bombeo do Forno cheo de toallitas. Foto: Concello de Valga

valga. O Concello de Valga solicita aos veciños que eviten tirar polo inodoro materiais que non son biodegradables, como toalliñas hixiénicas, compresas ou plásticos, xa que provocan importantes problemas na rede de saneamento e, como consecuencia, danos ambientais polos vertidos e un sobrecusto para as arcas municipais. No bombeo de O Forno, no que se acaba de realizar unha intervención de limpeza, os operarios atoparon o cestón completamente cheo de toalliñas, compresas, cueiros e outros produtos hixiénicos, plásticos e incluso trozos de roupa que foron tirados de xeito irresponsable polos inodoros e que acabaron provocando un atranco no bombeo. Ata este punto da rede de saneamento chegan as augas residuais de boa parte da parroquia de Cordeiro (Vilar, Vilarello, Carracido, Moldes, Laxes, Outeiro, Barcia, Balleas, Barro, Canle, Cotriños, Ferreirós, Casanova, A Torre, parte do Forno, Castiñeiras e Beiro), así coma núcleos de Setecoros (Bronllo, O Pino, Cerneira, Louro e Magariños), Xanza (Senín). Parte das augas chegan a este bombeo tras pasar, previamente, polo de Carracido. A problemática é grave e non afecta só a esa zona, senón que tamén se produce nos demais puntos de bombeo. arca