Usuarios do CODI de Valga celebran con obradoiros e visitas o Día da Discapacidade

Persoas con discapacidade
María Rendueles
Ususarios do CODI no obradoiro de elaboración de marmelada Foto/C.V.

Valga. Os usuarios do Centro de Orientación de Discapacitados (CODI) deron comezo este martes aos actos conmemorativos do Día Internacional das persoas con discapacidade, que se celebra o 3 de decembro co obxectivo de promover os seus dereitos e benestar, impulsar un mundo accesible e equitativo e fomentar a súa plena inclusión en todos os ámbitos da sociedade, segundo explican.

Un obradoiro de elaboración de marmelada, que foi subvencionado pola Deputación, foi o punto de arranque destas conmemoracións. Os usuarios empregaron diferentes froitas, coma piña, coco e cabaza, que cortaron en anacos moi pequenos e despois mesturaron con azucre e puxeron ao lume para que caramelizara. O produto final foi envasado en botes que previamente esterilizaron fervéndoos en auga.

Para este mércores os usuarios teñen programada unha visita ao Museo da Maxia de Santiago. m. rendueles