Este sábado déronse a coñecer os gañadores do concurso que trata de embelecer distintos puntos da vila // O primeiro posto foi para o Belén artesanal, o segundo para a actuación no campo da festa de Vilar e para as do CRA do municipio, e o terceiro para os traballos realizados en Canle TEXTO Claudina Estévez

Valga: engalanada de principio a fin

Concurso
Claudina Estévez
Os traballos en Vilar levaron o 2º premio xunto aos do CRA. Foto: C.V.

O concurso Embelecer Valga, que busca engalanar distintos puntos da vila, ten xa gañadores. Os galardoados déronse a coñecer este sábado durante o gran día da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, un evento que volveu ao seu estado orixinal e coas pilas ben cargadas trala pandemia. O primeiro premio foi para o Belén artesanal ( acondicionamento da zona exterior do Belén) e foi recompensado con 300 euros. En segunda posición quedaron a empate tanto a actuación no campo da festa de Vilar como as do CRA de Valga (melloras nas escolas de Xanza, Chenlo, Forno, Ferreirós, Vilarello e Campaña e nos patios exteriores) e recibiron 200 euros cada un. O terceiro posto levouno a actuación en Canle (traballos de mantemento e ornamentación no parque) que foi galardoada con 100 euros. Todos tiveron tamén diploma.

A votación do xurado xa estaba decidida dende hai uns días, aínda que se descoñecía, despois de facer un percorrido polos parques, espazos e infraestruturas públicas participantes que locen estes días a súa mellor imaxe.

Este certame premia ao lugar máis fermoso acondicionado e engalanado polos veciños e é convocado anualmente polo Concello co obxectivo de implicar á cidadanía no coidado dos lugares públicos. O goberno local aporta os materiais necesarios para a realización das obras. Un total de dezanove lugares das distintas parroquias participaron nesta edición do concurso.

O tribunal estivo formado por un representante de cada comisión veciñal participante e os concelleiros de Cultura, Turismo e Facenda. Valoraron aspectos como o deseño de xardíns e zonas recreativas, a orixinalidade e creatividade da decoración, o aproveitamento de recursos da zona e o uso de materiais reutilizados. As zonas que se acondicionaron, a parte das gañadoras, foron a Avenida da Coruña (melloras e reparacións no parque), Barcia (conservación e mantemento do parque), Barro (acondicionamento e mellora do parque), Beiro (actuacións no parque, no lavadoiro e no Agro de Arriba), Campaña (actuacións de acondicionamento na contorna da igrexa parroquial), CEP Xesús Ferro Couselo (pintado de xogos e outras melloras no patio), CEIP Baño-Xanza (mellora do patio exterior do colexio), Cimadevila (mantemento do parque e do lavadoiro), Eiras (arranxos e mantemento do lavadoiro), Escola Infantil Municipal (melloras no patio exterior), Ferreirós (acondicionamento de talude na marxe da estrada PO-190), tamén no parque de Ferreirós, en Gándara (mantemento do parque do lugar), Laceiras (mellora da casa veciñal e acondicionamento do parque), e Vilarello (acondicionamento, mantemento e ornamentación no parque, lavadoiro e local veciñal).

Todos os participantes levaron un diploma e 100 euros. O CRA de Valga fíxose asemade co premio ao mellor mantemento durante todo o ano, recompensado con 150 euros.