Valga pide un catador para o Concurso da Caña do País dos días 26 e 27

O obxectivo é ampliar os especialistas que seleccionan os mellores augardentes
Festa
Claudina Estévez
Tapas de anguía. Foto: C.V.

Valga. O Concello de Valga, con motivo da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, abre un proceso para seleccionar a un catador para o Concurso da Caña do País, que se celebrará os días 26 e 27 de agosto. O obxectivo, segundo explican dende o goberno local, é ampliar o número de especialistas en produción, destilado e cata da augardente que participan na elección dos mellores licores.

As persoas interesadas en incorporarse aos actuais catadores deben porse en contacto co Departamento de Cultura do Concello. Teñen de prazo ata o día 20 de agosto. Valoraranse a experiencia ou os coñecementos sobre a elaboración tradicional da augardente. O teléfono do Concello é o 986 559 456.

En paralelo está tamén aberto o prazo para participar no Concurso da Caña do País, ao que poden concorrer destiladores artesanais dados de alta no rexistro da Axencia Tributaria e que estean empadroados no municipio. O certame consta das tres modalidades habituais: caña branca, tostada e de herbas. Os interesados en participar deben acudir ás oficinas municipais a solicitar as botellas para presentar os licores. O prazo permanecerá aberto ata as 14.00 horas do vindeiro día 25.

O produtor da mellor caña branca será gratificado con 300 euros, mentres que os primeiros premios dos licores de herbas e tostado ascenderán a 200 euros. Os segundos clasificados non se irán coas mans baleiras, posto que recibirán un trofeo e un diploma conmemorativo. c.e.