Valga ten previsto construír un parque de xogo infantil na área recreativa da Mina Mercedes

Parques infantís
S. E.
Entorno da área recrativa de Mina Mercedes. Foto: Concello de Valga

Valga. O Concello de Valga avanzou que a área recreativa da Mina Mercedes incorporará un novo servizo orientado á poboación infantil: unha área de xogos que se habilitará neste entorno para complementar as prestacións que ofrece esta zona de lecer. O parque terá unha superficie aproximada de 300 metros cadrados que se dotará de pavimento continuo absorbente de impactos de 40 milímetros e que se pechará cun valado perimetral de láminas de madeira. Colocaranse unha serie de xogos, como superficie saltadora/cama elástica, columpio-cesta, montículo de escalada formado por presa de escalada, balancín con resorte de espiral e figura de madeira laminada, balancín dobre con resorte de espiral e figura de madeira laminada, e tirolina de vinte metros de percorrido. O proxecto completarase coa humanización da zona mediante a colocación de mobiliario urbano e alumeado, así como un cartel informativo cos usos do parque, normas e teléfonos de asistencia.

A actuación foi licitada por 102.335,94 euros, que se financiarán a través do Plan Concellos 2021. As empresas teñen ata o 9 de marzo para presentar as súas ofertas. s. e.