Vidal Portabales gaña o García Barros con ‘As horas dunha illa remota’

O xurado destaca a caracterización dos personaxes ou a calidade da prosa
PREMIO LITERARIO
María Rendueles
Membros do xurado tras dar a coñecer no Concello de A Estrada o fallo do premio de novela García Barros. Foto: C. A.

A Estrada. O xurado da XXXIV edición do premio de novela Manuel García Barros, que convoca o Concello coa colaboración da Editorial Galaxia, vén de galardoar ao escritor Ignacio Vidal Portabales pola súa obra As horas dunha illa remota.

A novela, presentada baixo o lema de O voo do azor, resultou elixida pola maioría dos membros do xurado entre os 33 orixinais presentados nesta edición. O xurado estivo composto por Marta Neira Rodríguez, María de las Mercedes Corbillón Fernández, Marcos Sánchez Calveiro, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez.

Armando Requeixo xustificou a elección desta obra “no coidado na caracterización dos dous personaxes protagonistas, dúas irmás cunha figura paterna chea de luces e sombras que viven as sombras dunha infancia difícil en Colombia que proxectan o seu ronsel no presente adulto de ambas na súa Galicia de orixe”.

Ademais, os membros do xurado destacaron a calidade da prosa coa que está escrita As horas dunha illa remota, cun emprego dos diálogos de grande mestría funcionando a obra coma un conxunto “que se retroalimenta nas partes e que convida a pensarnos e repensarnos”.

TRAXECTORiA. Ignacio Vidal Portabales (Santiago, 1958) é doutor en Dereito e profesor titular de Dereito Mercantil na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela. Portabales compaxina a docencia coa escritura, con varios ensaios publicados sobre temática xurídica e catro obras narrativas en galego publicadas na Editorial Xerais.

O premio de novela Manuel García Barros está dotado con 9.000 euros e inclúe a publicación da novela. A súa entrega levarase a cabo este outono nun acto no Teatro Principal da Estrada que volverá a ser público despois de dous anos condicionado pola pandemia. maría rendueles