A fibra óptica chega a máis de 200 fogares da zona rural de Silleda

Antes de que remate o 2021 a conexión estenderase ao 75 por cento dos núcleos
Fibra óptica
S. E.
Instalación da fibra óptica en Silleda

Silleda. Un total de 219 vivendas do rural de Silleda dispoñen xa do servizo de fibra óptica. A compañía Telefónica, que está a realizar a instalación desta tecnoloxía no termo municipal dende hai varias semanas, informou ao Concello de Silleda nos últimos días de que as conexión xa poden establecerse en varias localidades. Así, o servizo está xa dispoñible en Ansemil, Bazar, Refoxos, en Laro, e varios lugares de Manduas. Nos vindeiros días, e para facilitar a información da veciñanza, colocaranse bandos informativos para explicar como informarse sobre estas conexións.

Estes serán os primeiros puntos (16 núcleos ) con conexión á fibra óptica do municipio de Silleda onde Telefónica está a desenvolver o despregue. Antes de que remate o 2021, a conexión chegará a 78 núcleos rurais cun alcance inicial previsto de 3.265 unidades inmobiliarias, no que supón aproximadamente o 50% do termo municipal.

Dende o Concello estase en contacto directo cos responsables da compañía para o desenvolvemento dos traballos. “Tentaremos que as conexións vaian chegando a todas as parroquias, no que será un gran paso para o desenvolvemento do noso rural”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, lembrando que con esta actuación se logrará reducir a chamada fenda dixital.

A extensión acométese a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento, co proxecto de extensión de redes de banda larga ultrarrápida en entidades de poboacións galegas S. E.