Ambicioso plan para convertir Mouriscade en referencia xenética

Silva presentou onte ós sectores e alcaldes o proxecto que dará un cambio radical á finca
Ganadería
S. E.
Un momento da presentación telemática do plan. Foto: D. P.

Deza. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou onte un ambicioso Plan de Reactivación para a Finca Mouriscade ao sector e aos alcaldes e alcaldesas das comarcas de Deza e Terra de Montes. Será un cambio radical e un xiro de 180º que “nace das propostas dos concellos e do sector”, dixo Silva, que apostará por modernizar o espazo, fundamental para o desenvolvemento económico do norte provincial, e convertelo nunha referencia en xenética.

O plan para Mouriscade conta con catro programas: a redución da venda do leite, a mellora xenética, un plan de recría e outro de comunicación. Para a posta en marcha destas propostas, ademais da reestruturación orgánica da finca, que pasará a estar integrada no servizo de Medio Ambiente contando con dúas xefaturas de seccións de laboratorio e granxa, creáronse dous comités, un de persoas expertas e outro informativo.

En canto ao programa de redución da venda do leite, o obxectivo é evitar competir co sector gandeiro da provincia e ampliar a acción da granxa. Para elo prevén reducir a cabana de nais ata acadar o número mínimo recomendado polo persoal técnico da finca, manténdose o robot de muxido non só para a produción do leite senón tamén para procesos de investigación cos que analizar a produción láctea vinculada á alimentación.

No que atinxe á mellora xenética, estase a traballar xa na adquisición de material para mellorar a cabana da provincia e a gandería de Mouriscade en colaboración co comité de expertos. Silva adiantou que se vai optimizar o sistema de implantación embrionaria coa compra dun laboratorio móbil para mellorar o servizo aos gandeiros ou a creación dun sistema web para a venda do material xenético, entre outras accións. Para a produción de animais de alto valor xenético tamén se vai lanzar un plan de recría, que supón unha aposta clara pola mellora xenética da cabana propia. Crearán tamén un sistema de poxa na finca.

E, finalmente, lanzarán un plan de comunicación que contempla a difusión da tecnoloxía a través de xornadas de portas abertas; a apertura da explotación e do laboratorio a visitas; a procura de novas sinerxías coa Universidade e a participación en feiras e eventos e cursos. s. e.