As baixas temperaturas provocan caídas a rúas de Silleda de cascallos

Borrasca
ARCA
Vallado nun dos puntos onde caeron os cascallos

Silleda. As baixas temperaturas causaron no municipio de Silleda incidencias inusuais por mor da ola de frío. Así, onte procedeuse ao valado en dous puntos da vila de Silleda, para sinalizar a caída de cascallos de edificios. Un deses puntos rexistrouse na rúa Progreso e outro na Antón Alonso Ríos. Efectivos da Policia Local sinalizaron estes dous puntos nos que as baixas temperaturas provocaron desprendimentos.

Así mesmo, tamén se procedeu a botar sal, ao igual que nas últimas xornadas, en varios puntos de Silleda e Bandeira, unha acción que se repetirá na xornada de mañá venres, tendo en conta ademais que se retoman as clases nos centros escolares, puntos aos que tamén se prestará atención. Dende o Concello de Silleda faise un chamamento á veciñanza para extremar as precaucións tamén á hora de circular polas estradas nunha xélida xornada na que chegaron a rexistrarse temperaturas de -5 graos.

Un dos puntos máis afectados foi o vial de baixada ao mosteiro de Carboeiro. Pese a que o servizo de estradas da Deputación, titular do tramo, procedeu a botar sal, a situación da estrada onde están pendetes de recolocar os gardarraís apunta a un grave risco, polo que se optou por pechar o acceso. arca