As obras no sendeiro do Deza obrigan a seu peche

Obras
María Rendueles
Sendeiro do Deza

Silleda. O Concello de Silleda acometerá nos vindeiros días actuacións de mellora no tramo que lle corresponde do Sendeiro do Deza, un dos primeiros que se homologaron en Galicia no seu día, e que discorre dende a Fervenza do Toxa, na parroquia de Pazos, ata o mosteiro de Carboeiro, con algo máis de seis quilómetros de lonxitude.

Para realizar esta actuación, e por motivos de seguridade, o tramo no que se acometerán os traballos (entre a Fervenza do Toxa e a ponte de ferro) permanecerá pechado dende o vindeiro luns día 19 e ata o venres día 30.

Baixo o título Recuperación, mellora da seguridade, accesibilidade e sinalización do Sendeiro do Deza, esta obra busca subsanar unha serie de deficiencias que dificultan o pleno disfrute o sendeiro, un dos máis concorridos do municipio de Silleda, recuperando o seu estado orixinal e realizando melloras en materia de seguridade, accesibilidade e completando e repoñendo a sinalización existente.

Indicar que a actuación conta cun orzamento de 46.000 euros e está confinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). rendueles