de Silleda

Os traballos nesta primeira fase teñen un prazo de dez meses e custan 1,6 millóns
Obras
S.E.
Edificio da casa da cultura que vai acoller a nova casa consistorial

Silleda. As obras de reforma para a nova casa consistorial de Silleda darán comezo este xoves. A reforma da actual casa da cultura, sita na rúa Progreso, é unha das obras máis destacadas desta lexislatura, cun investimento para esta primeira fase por importe de 1.628.012,83 euros. A UTE formada por Orega e Coviastec é a adxudicataria do proxecto que conta cun prazo de realización de 10 meses.

O acto de inicio dos traballos terá lugar ás 13.30 horas, co tradicional soterramento da cápsula do tempo, un acto simbólico. O traslado e centralización de todas as dependencias municipais vén a culminar un longo proceso que se iniciou en 2017 coa consulta popular á veciñanza a fin de unificar todos os servizos logrando un maior aforro e

operatividade da administración local. Nesta primeira fase, que conta coa aportación da Deputación a través do programa Reacpon, cunha achega de 713.000 euros, e da Xunta, con case outros 250.000 euros, reformarase o interior do edificio que ocupa unha parcela de algo máis de 1.000 m2 de superficie. Ademais da redistribución, mellora de servizos e instalacións, o edificio recuperará a súa fachada orixinal.

Nunha segunda fase está previsto acometer un novo edificio na parte traseira, onde tamén se construirá un aparcamento soterrado, con acceso dende a rúa Morón. Todos os servizos e dependencias municipais serán trasladados a esta ubicación, logrando un maior aforro e eficiencia e unha maior comodidade da veciñanza. s.e.