D’Fest abre hoxe a fin de semana do Cocido na capital dezá

Mañá celébrase o día grande da festa gastronómica con pregón de Pepe Solla
Festival
S. E.
Delaporte pechará esta noite o D-Fest en Lalín

Lalín. O Lalín D’Fest chega este sábado á capital dezá, na véspera da 53 Feira do Cocido, co apoio económico da Xunta a través da convocatoria extraordinaria de subvencións a espectáculos musicais, como parte da programación do Xacobeo 21-22. Delaporte, Delafé, Verto, Ale e Rapariga DJ conforman o cartel dun certame organizado polo lalinense Carlos Montilla, de I-Radia Crea.

O certamen comezará ás 13.00 horas co concerto de Verto, que terminará arredor das 14.30. Nese intre será o momento ideal para deleitarse coa gastronomía local nos diferentes restaurantes da vila, e percorrer as súas rúas. O festival continuará dende as 18.00 horas con Rapariga DJ, Ale, Delafé e rematará con Delaporte ás 24.00 horas.

As actuaciones terán lugar na carpa instalada no Campo da Feira Vello, cun aforo de 600 persoas, que xa serviu como escenario principal das actividades culturais levadas a cabo durante este mes. En canto aos prezos, a entrada xeral é de 16 euros e pódense adquirir a través da plataforma Wegow. Os empadroados en Lalín poden desfrutar dun prezo máis reducido, posto que se reservaron para eles un total de 200 entradas a 10 euros. Na xornada de onte aínda quedaban dispoñibles algunhas entradas.

En canto ao Cocido chega este domingo cun formato especial, xa que, por razóns sanitarias, non haberá Econmenda nin mercado de produtos. Eso si, celebrarase a tradicional recepción da Corporación ao pregoeiro desta 53 edición da festa. s. e.