Desaparecen as pancartas da PO-960 en Vila de Cruces

Denuncia
ARCA
Unha das pancartas que desapareceron hai uns días

Vila de Cruces. O alcalde de Vila de Cruces, Luís Taboada, mostrou o seu rexeitamento á desaparición das pancartas que instalaron para pedir á Xunta o arranxo da estrada PO-960. Nun comunicado, explica que hai uns días recibiu varias chamadas dos veciños alertando de que “estaban a desaparecer as pancartas instaladas como método de presión para que a Xunta de Galicia arranxe dunha vez por todas a PO-960, que está nun estado lamentable”.

Taboada desprazouse para comprobar cantas pancartas se retiraron, e a súa sorpresa foi máxima ao comprobar que desapareceran todas as que se colocaron. O rexedor segue afirmando que unha das prioridades do equipo de goberno desde que chegou á alcaldía é a PO-960, unha vía moi transitada que une Vila de Cruces con Santiago e que utilizan centos de cruceños e cruceñas a diario.

Por este motivo, Taboada non entende “a actitude de quen se encargou de facer desaparecer estas pancartas reivindicativas, persoa ou persoas que o único que conseguiron é que esta estrada volva ser noticia”. O alcalde avanzou que en breve instalaranse as pancartas novamente e que, visto o ocorrido, tamén se colocará unha no balcón do consistorio. arca