Doade prepárase para a malla tradicional do vinte

Tradición
Claudina Estévez
Un momento da presentación da XXIII edición da Malla Tradicional de Doade. Foto: C.P.

LALÍN. O vindeiro día 20 Lalín vivirá a XXIII edición da Malla Tradicional de Doade, catalogada como Festa de Interese Turístico de Galicia. O programa da cita ocupará a xornada completa: mostra de artesanía, exposición de maquinaria e recreación das modalidades históricas da malla en Galicia, pola mañá, seguidas dun xantar de confraternidade, un serán musical a cargo de seis grupos da zona e un concerto da agrupación Cantos da Terra de O Salnés, pola tarde. O programa foi presentado polo xerente da Casa do Patrón, Manuel Blanco, contando ademais coa intervención de Maximino Míguez (colaborador da organización), Carlos Santos e Miguel A. Martínez Coello (pintores participantes na II Mostra de Arte da Malla que permanecerá aberta ao público nunha sala do museo ata o vindeiro domingo día 21 de agosto), e Begoña Blanco, en representación do Concello de Lalín. O Museo Casa do Patrón é o responsable da organización deste evento. C. E.