Os gandeiros lalinenses pagarán 30 € pola recollida de plásticos
Lalín. As explotacións gandeiras de Lalín con máis de dez vacas abonarán 30 euros ao ano pola recollida de plásticos que fai o Concello. As concellerías de Medio Ambiente e de Agricultura mantiveron unha reunión coas cooperativas agrarias, na que tamén estivo presente a empresa que xestiona a recollida de plástico, na que se analizou a complexidade deste proceso deste residuos de silo agrícolas debido ao encarecemento producido nos últimos tempos.
O concelleiro César Reboredo explicou que “a recollida a nivel europeo deste tipo de residuos tiña como destino os países asiáticos; non obstante a prohibición do goberno chino da importación de residuos provocou un desequilibrio na reciclaxe de plástico, que cuadriplicou o seu custo, pasando de 25 a 100 euros a tonelada métrica”. “Esta circunstancia explicámoslla aos representantes de cooperativas agrarias no dito encontro e dixémoslle que con estes prezos a recollida de plásticos no concello, que supón un custo de 30.000 euros anuais, é inasumible na súa totalidade” sinala.
“Chegamos ao acordo de establecer un suplemento que se comezará a aplicar o vindeiro ano como fórmula para solucionar este grave problema. Este ano desde o Concello faremos a recollida de xeito gratuíta e partir do vindeiro, faranse tres recollidas anuais, nas que cada gandeiro terá que pagar, a partir de 10 vacas (os de menos están exentos), a cantidade de 10 € por recollida (30 €)”, explica Reboredo. s. e.