Paco Vilariño concorrerá á fronte do Bloque de Lalín para defender o rural

Tamén buscará máis solo industrial para que as empresas xeren máis riqueza no Deza
Elecciones municipales
O.D. Vilar
Paco Vilariño vai ser o candidato do Bloque Nacionalista Galego en Lalín. Foto: BNG

Lalín. A asamblea local do BNG de Lalín elexiu por unanimidade a Paco Vilariño candidato á alcaldía de Lalín para as vindeiras eleccións municipais de maio.

O nacionalismo lalinense levou a cabo no municipio un proceso aberto e participativo de cara a presentar a mellor alternativa para a veciñanza, e dende o pasado mes de decembro os membros e simpatizantes do BNG de Lalín participaron masivamente neste proceso, que culminou nunha asamblea na que se valorou moi positivamente o traballo feito por Vilariño, tanto no seu papel coma concelleiro no anterior mandato coma nos últimos catro anos na labor de oposición na capital da comarca do Deza.

A asamblea constatou ademáis que o Bloque de Lalín está en mellor posición ca nunca para afrontar unhas eleccións municipais cun proxecto ilusionante fronte a un goberno municipal “esgotado que goberna para unha minoría”. O proxecto que encabezará Paco Vilariño quere, deste xeito, “deixar atrás o abandono do rural que acometeu sistematicamente o PP nos últimos catro anos, e a falta de chan industrial para novas empresas que xeren emprego e riqueza”, subliñan os frentistas. ODV