Silleda completa o seu itinerario peonil cunha rotonda nas Pedrosas

Silva presentou o proxecto que financia a Deputación cunha achega de 255.175 €
Obras
S. E.
Carmela Silva co alcalde e outros concelleiros na presentación do proxecto

Silleda. A comunicación peonil entre o centro de Silleda e a gran contorna formada polo parque das Pedrosas e o cemiterio quedará resolta cunha rotonda que a Deputación construirá, cun orzamento de 255.175 euros, na intersección entre as estradas provincial EP-7201 e autonómica PO-201. Dase así continuidade á humanización acometida o ano pasado na rúa da Chousa Nova, onde se sitúan o centro de saúde e o centro de maiores. O proxecto foi presentado pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, nun acto no que estivo acompañada polo alcalde Manuel Cuiña, o equipo técnico de enxeñaría da Deputación e varios concelleiros do municipio dezano.

O deseño, exposto polos técnicos, foi definido por Silva como “o cambio dun modelo deseñado 100% para os vehículos a un modelo de prioridade cen por cen peonil, cun itinerario seguro e atractivo para as persoas“. Os planos inclúen unha gran glorieta cun diámetro exterior de 36 metros e diámetro interior de 16 metros, dotado con dous carrís de 4 metros cada un e beiravías dun metro e cunetas remontables. A permeabilidade peonil garántese coa inclusión dunha senda de 2,5 metros de ancho na súa contorna, o que permitirá eliminar a pasarela elevada. s. e.