Silleda continúa engordando o seu padrón e suma sesenta e un veciños

O goberno local faise eco do avance feito público polo INE sobre o padrón do ano pasado
Censo
ARCA
Casa do Concello de Silleda.

Silleda. O Concello de Silleda continúa gañando poboación e rachando ca tónica xeral dos municipios de interior. Así, e segundo un primeiro avance remitido polo Instituto Nacional de Estatística (INE), do que se fan eco os responsables municipais, o padrón municipal contaba a 1 de xaneiro de 2021 con 8.841 habitantes, 61 máis que na mesma data do ano 2020. Esta cifra “vén confirmar a tendencia á alza dos últimos tres anos, cunha progresión que amosa os bos resultados da campaña de empadroamento, entre outras medidas”, explican.

En xaneiro de 2019 as cifras de habitantes situábanse no municipio de Silleda en 8.687, en xaneiro de 2020 aumentaron en 93 (ata os 8.780) e cos datos provisionais (xa que cabería facer alegacións dende o Concello) a cifra sube agora ata superar os 8.800.

“Estamos moi satisfeitos porque, logo de varios anos incrementando o número de habitantes, por fin vemos como se consolida ese aumento deixando atrás anos con saldo negativo, como vén acontecendo en moitas poboacións do interior”, indica ao respecto o alcalde silledense, Manuel Cuiña. O rexedor lembra a campaña de fomento do empadroamento que se iniciou en 2016 e que deu bos resultados. “Por primeira vez en 2017, un ano despois, logramos un crecemento significativo no padrón”, engade o alcalde. Esa campaña estaba especialmente enfocada ás persoas que aínda residindo en Silleda non figuraban no padrón municipal. arca