Última fase das obras da Rede de Calor de Silleda

Obras
Claudina Estévez
Traballo de asfaltado no tramo Condes do Deza. Foto: C.S.

SILLEDA. As obras da segunda fase da Rede de Calor con Biomasa de Silleda están xa na recta final. Logo de levar a canalización ata a casa da cultura, a empresa concesionaria iniciou os traballos de reposición nas rúas afectadas. Así, procedeuse a aglomerar o tramo aberto na rúa Morón e a renovar o firme no tramo de Condes do Deza. No caso da rúa Condes do Deza, este tramo quedará cun só sentido de circulación, complementando a humanización do entorno, no treito que vai dende Progreso ata a Praza Mestre Mateo. Esta medida permitirá ademais establecer prazas de aparcamento en batería en ambas marxes da rúa. Con estas actuacións, complementarase o proceso de humanización do centro da vila que se está a acometer no tramo de Progreso, con traballos cofinanciados polo Instituto para a Diversificación e Aforro Enerxético, e cun investimento de máis de 600.000 €. O proxecto non só busca mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria

senon tamén crear espazos de calidade ambiental. Parte da superficie de estacionamento vaise a peonalizar con esta reforma e tamén se peonaliza a Praza Siñor Afranio. Suporá asemade a renovación de todo o mobiliario urbano. Tamén están en marcha dende o pasado venres os traballos para a dotación dun gran parquin público na mazá que forman as rúas Progreso, Morón e Condes do Deza. C. E.