A festa dos maiores de Touro reuniu a 500 persoas en Fonte Díaz

Festa dos Maiores
Claudina Estévez
Os maiores de Touro comendo na carpa durante o Encontro da Terceira Idade. Foto: C. Touro

TOURO. O Concello de Touro vén de organizar o XXVIII Encontro da Terceira Idade tras dous anos sen poder celebrarse a causa do covid. Acudiron ao redor de 500 veciños e veciñas de máis de 60 anos. O evento, de balde, celebrouse na zona de servizos de Fonte Díaz, onde están ubicadas a nova casa da cultura, o novo PAI, a piscina, a área de autocaravanas e a residencia de maiores. Os asistentes participaron nunha misa campestre, que finalizou ao redor das 14.15 horas, e acto seguido comezou o xantar. Nesta área foi onde se instalou a carpa que acolleu aos que ata alí se achegaron. O festexo estivo amenizado pola Banda de Música Isabel II de Touro e polo dúo Eva e Camilo. Ademais, houbo un recoñecemento por parte do Concello á veciña e ao veciño de máis idade na festa: Francisca Rendo, de 97 anos, e Manuel Balado, de 94. C. E.