Actividades infantís, cine e moita música en Melide ao longo do verán

O musical ‘Camiñantes e Cantantes’ pasará pola vila o vindeiro día 29 deste mes de xullo
Verán Cultural
Claudina Estévez
A concelleira Mayka Basalo presentando a programación do Verán Cultural. Foto: C.M.

Melide. O Concello de Melide volve organizar un Verán Cultural cheo de actividades para todos os gustos e todas as idades. Actividades para as e os máis pequenos, música ou cinema ao aire libre volven ser propostas destacadas para o lecer nos meses de xullo, agosto e setembro.

A edición de 2022 dedicará boa parte da programación á música baixo dúas modalidades. A primeira delas será a das Noites Musicais. Esta programación arrancou este sábado 9 de xullo coa actuación de Arroutes co seu espectáculo de folk e música tradicional. A seguinte actuación será o musical Camiñantes e Cantantes 2022, un espectáculo sobre os camiños coa participación de Lucía Pérez, Manquiña, Rocío Caamaño e moitos máis. Terá lugar o venres 29 de xullo. Ao día seguinte a nova musa da canción galega, Antía Muíño, actuará ás 22.00 horas na praza do Convento.

Agosto aínda acollerá dúas noites musicais máis. O venres 5 será a quenda de Eva Cornellious, posteriormente, o sábado 13, soará a guitarra acústica moderna de Nino Costoya. A segunda modalidade musical será o ciclo de actuacións ao mediodía baixo o nome Vermú no Camiño. Na primeira actuación, o domingo 10 de xullo, subirán ao escenario Los Mecánicos. Iria Estévez, co seu Camiños do Fado será a protagonista o domingo 31 de xullo. Actuarán tamén Pablo Balseiro, os Piñeiros e Pepe Piña.

Haberá asemade proxeccións cinematográficas, exposicións e actividades para os máis pequenos. C. ESTÉVEZ