Alternativa Oroso promete o cambio con Pazos e Carneiro tras vinte anos

Partidos
M. Outeiro
Jaime Carneiro, exedil e portavoz de Alternativa. Foto: AO

Oroso. Orosáns de diferentes parroquias e profesións constituíron o partido Alternativa Oroso, rexistrado no Ministerio de Interior diante “do descontento pola xestión do executivo municipal que leva dúas décadas gobernando Oroso, ben sexa con maioría absoluta ou en coalición”. Para iso contarán cun presidente e portavoz provisional que son, respectivamente, Manuel Pazos e Jaime Carneiro.

Segundo estes membros de Alternativa Oroso, “o descontento ven dado pola forma e modo de gobernar, un xeito presidencialista bicéfalo dirixido por terceiras persoas e enmarañado nunha serie de ramificacións caciquís e servilistas cuxo único obxectivo é a supervivencia económica e o control do poder”.

Entre os seus obxectivos, Alternativa comprométese a que o Servizo de Axuda ao Fogar estea “garantizado 100 % e de forma inmediata” e contar cuns Servizos Sociais máis efectivos que estenderán “a toda a poboación”. Tamén pretende realizar campañas propias contra a violencia que sofren as mulleres e impulsar o rural e os locais sociais, “dándolles vida”. Outra promesa é contar cunha persoa “dedicada exclusivamente a dinamizar a vida social e cultural no rural”, así como a incentivar “as comunicacións dixitais e a formación dirixida a todos das novas tecnoloxías dixitais, tamén aos nosos maiores”, apostando “pola cultura e deporte de base”. Ademais, están dispostos a dar incentivos “aos cultivos tradicionais de froiteiras e arborado autóctono”. M.Outeiro