Artistas de Ucraína, Sevilla ou Arxentina embelecerán Ordes cos seus murais do 9 ao 15

Arte urbano
M. Outeiro
Un dos murais feitos en pasadas edicións nun inmoble da capital ordense. Foto: CDO

Volve o festival de arte urbana DesOrdes Creativa na súa decimocuarta edición, do 9 ao 15 de agosto. Trátase dun dos eventos mellor considerados no eido europeo do grafitismo e, a nivel nacional, trátase do segundo festival máis lonxevo do país despois do Festival Asalto de Zaragoza. O plantel de artistas participantes está formado polos galegos Sekone e Sokram, a sevillana Ana Lanhegeldt, o ucraíno Aec Interesni Kazki e a arxentina Milu Correch. A día de hoxe a vila de Ordes conta xa con 80 murais espallados por distintos recunchos, aos que se lle sumarán a partir da vindeira fin de semana outros cinco asinados por estas recoñecidas figuras do panorama muralístico a nivel internacional.

E un ano máis, os seus impulsor, o colectivo Creativo Mutante, viuse na obriga de eliminar do seu programa actividades paralelas habituais como concertos, conferencias, obradoiros ou clases maxistrais. O que si se levará a cabo será a ruta guiada prevista para o sábado 14 de agosto ás 18.00 horas. As intervencións muralísticas e actividades poderanse seguir en directo a través das redes sociais do DesOrdes Creativas.

Tanto na páxina web do festival (www.desordescreativas.com) como nas súas redes o público pode acceder a toda a información relevante sobre esta nova edición. Inclúense mapas coas xeolocalizacións dos murais, tanto os que se levarán a cabo nesta nova edición como os xa existentes. Tamén se pode atopar información adicional sobre os artistas convidados, fotos, vídeos e todas as imaxes de edicións anteriores. O DesOrdes Creativas 2021 está organizado polo Concello de Ordes e comisariado polo colectivo Creativo Mutante. Está cofinanciado pola área de Turismo da Deputación da Coruña e conta co patrocinio de pinturas Proa e maquinaria LoxanHune.