Arzúa decide destinar a protección social un de cada catro euros do POS

O plan da Deputación é de 857.000 €, cos que tamén se humanizará parte da rúa do Carme
Obra Pública
ARCA

Arzúa. O goberno de Arzúa conformado por Alternativa por Arzúa e PSdeG-PSOE destinará un total de 857.000 euros procedentes do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación á execución de importantes actuacións no casco urbano da vila e na zona rural do municipio. Unha parte considerable deste montante terá como finalidade o ámbito social, máis de 200.000 euros.

O pleno celebrado onte na casa consistorial deu luz verde á proposta do goberno local que contempla como unha das actuacións máis salientables a humanización da Rúa do Carme dende a rúa Xosé Neira Vilas ata o final deste vial. Esta obra conta cun investimento de 207.532 euros e permitirá poñer en valor unha das zonas máis emblemáticas do Camiño de Santiago ao seu paso por Arzúa. Outras actuacións serán a renovación do alumeado na parroquia de Tronceda; o acondicionamento do núcleo de Doroña e o reforzo do vial que vai á EDAR. arca