Arzúa festexará este verán con propostas seguras

Verán
Claudina Estévez
Unha das actuacións do verán pasado. Foto: C. Arzúa

ARZÚA. Arzúa xa ten programación cultural para este verán. Unhas propostas que segundo indicaron fontes municipais, seguen as mesmas pautas cas do ano anterior porque resultaron moi positivas e seguras “para o público asistente”. As actividades, asegura o Concello, “son perfectamente adaptables aos protocolos que se vaian establecendo dende a Xunta de Galicia”. A programación cultural do verán comeza o luns 28 coa conmemoración do Día da diversidade sexual, en concreto cunha proposta que complementa o programa provincial Ser e sentir, que está impulsado pola Deputación da Coruña.

Neste caso, o Concello organiza unha sesión de cinema coa proxección da película Call me by your name, un drama romántico que trata a homosexualidade nos anos 80. Foi nominada a catro premios Óscar e alzouse co de mellor guión. Esta cita terá lugar no Telecentro ás 20.00 coa entrada libre ata completar aforo. A animación das feiras será outra constante nos meses de calor coa idea de dinamizar o mercado, as prazas e rúas. Na do xoves 8 de xullo actuará O Bringuelo e na do 22 Herba Grileira. Nos mercados de agosto a quenda será para A Maristela e Luar das Augas. As actuacións serán itinerantes para evitar aglomeracións. O 22 tamén arranca o Ciclo de música na rúa da man de Rubens Consort. Tamén se subirán ao escenario Aldara o 29 de xullo, MJ Pérez, Sabela King Trío e Acordeireta no mes de agosto.

A praza da vila acollerá o domingo 25 de xullo a decimocuarta edición de Arzúa Viva. As actividades de lecer e varios obradoiros de cultura urbana sucederanse durante toda a tarde para o público infantil e para a mocidade. A programación de verán completarase coas exposicións na Capela da Madanela de Bo Camiño no mes de agosto e Arte na rúa en setembro. Tamén se levará a cabo a segunda edición do Serán Cativo o 31 de agosto “despois da boa acollida desta novidade no verán anterior”, apunta o goberno local. Nesta ocasión contará cun obradoiro de xogos tradicionais e co espectáculo de música e contos de tradición oral A formiga no carreiro. C.E.