Arzúa impulsa un proxecto de arqueoloxía e didáctico

Arqueoloxía
María Rendueles
O recinto feiral Terra do Queixo acolle a actividade

Arzúa. O departamento de Cultura de Arzúa organiza para esta primeira semana de maio a actividade Arqueocampo. A verdade está no fondo incluída na programación de Primavera de Cultura. Trátase dunha actividade de divulgación científica dirixida ao público escolar que permite aos participantes converterse en arqueólogos por unhas horas a través dunha simulación do traballo que desenvolve o Instituto de Ciencias do Patrimonio.

Esta acción permite vivenciar todas as fases da cadea de traballo arqueolóxico, permitindo realizar unha investigación a través de actividades prácticas e dinámicas e seguindo unha metodoloxía arqueolóxica. O traballo de escavación, a manipulación de materiais e a experimentación de procesos científicos son as bases nas que se sustenta o Arqueocampo.

Desde o luns, o Multiusos Terra do Queixo acolle en horario lectivo un total de vinte grupos durante toda a semana. Nesta iniciativa participan alumnos e alumnas de 4º de Primaria a 2º da ESO do CEIP de Arzúa, do instituto de Arzúa e do Colexio Nosa Señora do Rosario. m.rendueles